O pasado día 2 de abril, Xoves Santo, Son d’aquí participou a través da súa charanga tradicional na Sesión Vermú do Serán do Sor no Barqueiro, nunha actuación moi especial para todos. Para a historia da asociación quedan “O Galo d’Ouro” como a primeira peza que se tocou, no pasarrúas previo, e “Paseando por Cecebre” como a primeira peza que tocamos sobre o escenario, seguida por outras pezas tradicionais instrumentais e cantadas. A xeito de curiosidade, contarvos que “Paseando por Cecebre” é un pasodobre composto polo noso compañeiro Xesús Nogueira. Outra peza que se interpretou foi a “Foliada de Xil de Cambados”, esta tradicional pero con arranxos propios, dando a entender con estas dúas pezas, que non queremos limitarnos a ser uns meros intérpretes da tradición musical galega, se non contribuírmos tamén a ela. No nome da charanga e da asociación, moitas grazas ao Son do Sor por nos convidaren e confiaren en nós; e moitas grazas tamén a todos os socios e amigos que vos achegastes para compartirmos ese momento e o serán posterior. Agardamos que pronto lle toque a estrea ao baile e que esta non sexa máis que a primeira de moitas máis actuacións por vir.
Deixámosvos a ligazón a un dos vídeos da actuación que podedes ver na canle de Youtube de Son d’aquí.