O Entroido de Samede e Son d’aquí

Un dos proxectos máis bonitos e gratificantes nos que está agora mesmo involucrado Son d’aquí é a recuperación do Entroido de Samede.

fotos antiguas 001

Samede é un lugar da parroquia de San Xiao de Vigo, no concello de Paderne, perto da Coruña. Un día, na escola de Paderne mandaron os nenos facer unha pescuda sobre tradicións e festas nos seus lugares. Un deses nenos era o fillo de Emi, unha muller de Samede que o acompañou  a falar coa xente maior. Daquela descubriron que alí antigamente se celebraba un entroido de moita sona na contorna. Era a maior festa do ano e participaban todos os veciños, e mesmo viña moita xente de fóra para velo. Alén do traballo escolar, Emi seguiu pescudando e preguntando os velliños, que, ilusionados, contaban todas as que argallaban polo Entroido e o moito que significaba na vida do lugar. Contáronlle que a xente vella que eles coñeceron xa celebraban o entroido e que  deixara de celebrarse no ano 1961, por mor do despoboamento e dun crego pouco tolerante que os ameazaou coa excomuñón se o seguían a celebrar. Un dos actos principais dese entroido era a Muñeira Cruzada, un baile que se bailaba o luns de Entroido no que se xuntaban polo menos 10 parellas, ou se non, non se bailaba.

010

Emi, xunto con outros veciños do lugar, propúxose recuperar a festa e acudíu a Son d’aquí para tentar recuperar a Muiñeira Cruzada. Nós, encantados, comezamos coas recolleitas. Ao principio foi complicado, pois, a xente que quedaba era moi nova cando se bailou o baile por última vez, e non o lembraban ben. Por sorte, atopamos ao señor Vicente, que fora guía do baile varias veces e aos seus 85 anos foi quen de explicarnos con total claridade como era esa muiñeira. Unha vez recuperada, quixemos bailala xa para este vindeiro entroido. Ademais, empeñámonos en que a bailase connosco a xente de Samede; especialmente, e a xeito de continuidade, José Antonio e Antonio,  que foron dos últimos que a bailaron naquel lonxano 1961.

Recolleita 14-01-2017 (2)

Hoxe, a tres semanas do 4 de marzo, que é cando se bailará de novo a Muiñeira Cruzada, Samede é un fervedoiro. A recuperación do entroido saíu na prensa e albíscase unha reportaxe na televisión. Os veciños andan cos traxes, coas diferentes tradicións do seu entroido e non perden un ensaio do baile. Xa xuntaron 6 parellas, de xente de todas as idades, que xunto cos que imos de Son d’aquí (xente do grupo de baile, xente das escolas, socios amigos…) xa cumprimos co mínimo de 10 parellas que marca a tradición.

WhatsApp Image 2017-02-03 at 11.34.12 AM

Ver a ilusión dos veciños, a ledicia e o orgullo de recuperaren algo de seu e sermos en parte responsables, non ten prezo.

IMG-20170114-WA0003

Vémonos o 4 de marzo, a partir das 11.30 en Samede!!!

Cada un coa súa!!!

Unha reflexión sobre “O Entroido de Samede e Son d’aquí

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *