Estamos de aniversario!!!

Hai hoxe un ano, o 27 de agosto do 2014, un grupiño de vinte amigos xuntabamonos no ximnasio pequeno das Escolas Da Guarda para decidirmos o nome da agrupación de baile que uns días antes acordamos crear. Uníannos as ganas de seguirmos compartindo, xuntos e nun bo ambiente de positividade, os gratos momentos que o baile e á música tradicional nos fixeran vivir. Houbo varias propostas: i-almalaia, arestora…e ao final saíu “Son d’aquí”, un xogo de palabras que di que somos un grupo da terra que fai música (e baile) da terra. Dende ese momento, o que para algúns semellaba un proxecto incerto e cheo de dúbidas, principiou a medrar e desenvolverse alimentado polas ganas, ilusión e creatividade que anteriormente non puideramos expresar. Nuns días votamos os estatutos e principiamos cos ensaios do grupo artístico e, ao pouco tempo, xa houbo novas incorporacións, tanto no baile coma no grupo musical. Nunhas semanas encomezaron timidamente as primeiras escolas no Eusebio da Guarda, nun principio case con nós mesmos de alumnos. Pouco a pouco, foi correndo a voz e achegouse xente nova. Nun par de meses, xa tiñamos esta páxina web, Facebook e Twitter. En xaneiro deste mesmo ano, concedéusenos a extensión .gal, algo moi importante para nós, sendo das primeiras asociacións culturais en lucila orgullosa na rede. Ese mesmo mes, tivemos a primeira asemblea da asociación, enchendo o local da AAVV de Montealto facendo que os fundadores nos decatásemos de que “Son d’aquí” xa non era un proxecto noso, era un proxecto de moita xente. En febreiro conseguimos un local no barrio de Montealto, no corazón da cidade, onde trasladamos unhas clases que non deixaban de medrar en número de alumnos e de actividades ofrecidas. En abril tivemos a nosa primeira actuación, o grupo musical tocou no Barqueiro, convidados pola nosa agrupación irmá “O Son do Sor”. En maio foi a quenda do grupo de baile en Muxía. En xuño, coa idea de darnos a coñecer no barrio, organizamos o primeiro “Serán d’aquí”, na praza dos Avós, sendo un éxito tanto de asistencia de grupos e público aos concertos, coma de participación nas actividades que se organizaron. Ao longo deste verán, o grupo artístico da asociación tivo varias actuacións en distintos lugares: Ares, Cambre, A Coruña, Sigüeiro, Cariño, Espasante… mesmo tendo de rexeitar algunhas por non darmos feito, e con algunhas outras confirmadas ou en perspectiva das que xa vos iremos avisando.

De certo que botando a vista atrás, hai un ano endexamais imaxinamos no primeiro aniversario unha asociación tan activa, con local propio e máis de cen socios en tan pouco tempo. Tamén é verdade que temos importantes retos por diante: principiar coas escolas para nenos, consolidar a asociación, implicar a máis xente no proxecto, incrementar o número de membros e mellorar nalgunhas cousas nos grupos artísticos, etc… Non sabemos se acadaremos todo, pero comprometémonos a poñer as mesmas ganas, ilusión e creatividade que puxemos ao longo deste ano.

Para rematar, agradecer a todos os que fixestes posible que cumpramos un ano: á directiva que tanto tempo e esforzo lle adicou ao proxecto, aos mestres que deron clase dun xeito totalmente desinteresado, aos membros do grupo artístico que lle adican a “Son d’aquí” tanto tempo e suores, a toda esa xente, da asociación ou allea a ela, da que agora non nos lembramos pero que botou unha man en tantas cousas e a toda esa xente que non é da asociación e nos apoia con mensaxes, aplausos ou palabras de ánimo. Pero sobre todo, moitas grazas a vós, os socios, por crerdes no proxecto, e que participando en “Son d’aquí” ou simplemente contribuíndo ao seu sostemento, facedes grande esta asociación.

Longa vida a “Son d’aquí”!!!

Vémonos na foliada!!!  😉

 

11891493_431316483721863_801747071902084501_o

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *