O campamento Son d’aquí ten como carácter distintivo estar enmarcado e organizado por unha asociación cultural na que o fomento, conservación e divulgación da cultura tradicional galega, en calquera das súas manifestacións, é un dos seus principais fins.
Perseguimos ofrecer unha experiencia lúdica e pedagóxica na que os nenos e nenas gocen do seu tempo de lecer, xunto con outros compañeiros e compañeiras, ao tempo que aprenden xogando con elementos relacionados coas diferentes artes da cultura galega.
A través do fío conductor que levará cada sesión do campamento, os rapaces e rapazas terán a oportunidade de crear novas amizades ao tempo no que aprenden valores tan importantes como compañeirismo, xenerosidade, respecto polos demais…
Vai dirixido a nenos e nenas a partir de 5 anos.
A dirección do campamento corre a cargo de Manuela Varela, actriz de televisión e teatro, e mestra das actividades de Xogo teatral e o Grupo de teatro Amador en Son d’aquí. Contará coa colaboración de Paula Espada, compoñente do grupo artístico de Son d’aquí.
Duración do campamento
O campamento desenvolverase de luns a venres e de 9 a 14 h. Comprenderá do luns 3 de agosto ao venres 4 de setembro. Non obstante, existe a posibilidade de inscribirse por semanas soltas. No caso de inscrición por semana, os periodos serán os seguintes:
- Semana 1: Do 3 ao 7 de agosto. De 9 a 14 h.
- Semana 2: Do 10 ao 14 de agosto. De 9 a 14 h.
- Semana 3: Do 17 ao 21 de agosto. De 9 a 14 h.
- Semana 4: Do 24 ao 28 de agosto. De 9 a 14 h.
- Semana 5: Do 31 ao 4 de setembro. De 9 a 14 h.
Na asignación de prazas terán preferencia aqueles nenos e nenas que se inscriban no campamento íntegro.
Actividades
Ao longo das semanas de campamento, os nenos e nenas vivenciarán actividades de diversa índole:
- Actividades de debuxo e pintura, a través das cales coñecerán a diferentes pintores galegos.
- A música, cancións e contos da nosa terra terán unha presencia fundamental tanto en momentos lúdicos como de relaxación ou de concentración.
- Práctica de xogos tradicionais e populares.
- Actividades para potenciar a creatividade, desenvolver as capacidades sociais, axudar ao control dos sentimentos e despregar estratexias de negociación, empatía e axuda mutua.
- Farase unha achega aos ritmos, sons e bailes tradicionais galegos, contido fundamental das escoliñas d’aquí, que tanto éxito teñen entre nenos e nenas.
- A través do xogo dramático, crearanse personaxes e gozarán coa súa posta en escena, incluíndo música e danza.
- Os xogos a través de ioga e outras actividades de respiración e relaxación que axudarán a activar a concentración, estimular a creatividade, fortalecer músculos e potenciar a flexibilidade.
- E moito máis!
Sempre que o tempo o permita, os xogos serán ao aire libre nalgunha das prazas situadas ao lado do local da asociación.
Material necesario
Os nenos e nenas participantes do campamento deberán levar cada día o seguinte material:
- Mascarilla.
- Roupa e calzado cómodo que lle permita correr, saltar e xogar (tamén na rúa).
- Un par de calcetíns cómodos para poder descalzarse.
- Unha toalla (para tumbarse sobre ela).
- Un botellín de auga identificado co nome do neno/a.
- Merenda para media mañá, nun recipiente ou bolsa marcada co nome do neno/a.
Prazas
O campamento dispón dun máximo de 15 prazas para nenos e nenas a partir de 5 anos. Terán preferencia os/as nenos/as socios/as e aqueles/as que se inscriban no campamento enteiro.
Custo e descontos
O custo dependerá do número de semanas nas que se faga a inscrición. A continuación tedes unha taboa cos descontos exclusivos deste verán, tanto para socios como para non socios.
No caso de irmáns que coincidan temporalmente no campamento, cada un terá un desconto de 5 euros por semana na que se inscriba.
Forma de pago
A través de ingreso ou transferencia ao número de conta que se facilitará recibida a inscrición a través do formulario.
Medidas de seguridade COVID-19
A continuación tedes as medidas de seguridade COVID19 que se tomarán cada día:
- Control de temperatura á chegada (deberá ser inferior a 37º).
- Sinatura diaria dunha declaración xurada de non ter ningún síntoma relacionado co COVID-19 nin contacto con outra persoa infectada.
- Uso de hidroxel á chegada e nos momentos no que se estime necesario.
- Máscara obrigatoria, excepto cando se poida manter a distancia de seguridade.
- Lavado de mans cada 2 h ou nos momentos necesarios.
- Distancia de seguridade durante a merenda.
- Limpeza e desinfección do material utilizado.
Inscrición e documentación a achegar:
Para inscribirse, é necesario cumplimentar o seguinte formulario: Inscrición.
Ademais, antes do comezo do campamento deberás entregar un documento de declaración xurada asinada. Ver documento.
Podes entregala o primeiro día de campamento ou o día da reunión de presentación. Tamén podes adiantarnos unha foto da declaracióne enviárnola a secretaria@sondaqui.gal,
Reunión coa directora do campamento:
O venres 31 de xullo ás 16:00 h. celebrarase unha reunión coas familias inscritas ou interesadas, co fin de presentar o campamento, darvos a información necesaria sobre o desenvolvemento deste e aclarar dúbidas. Esta reunión será no local da asociación (Rúa Santo Tomás 40, Monte Alto). Poderedes nesta reunión entregar a declaración xurada e a folla de autorizacións de recollida dos menores.