Pasa sempre. Detrás de todo proxecto adoita haber xente que está aí, apoiando a idea, sen facer ruído, sen facerse notar, pero sen a cal o proxecto sería imposible de levar a cabo. Na A.C. Son d’aquí, unha destas persoas foi Manuel Naveira, Manolo, o director das Escolas Eusebio da Guarda que, a petición da nosa compañeira María Quintana, nos deixou usar as instalacións coma se foramos da casa. Se non chegamos a ter ao noso dispor as Escolas da Guarda, seguramente Son d’aquí nin sequera nacería. Nunca poderemos agradecer dabondo a Manolo, a confianza depositada nun grupiño de amigos que querían seguir bailando xuntos.
Ende mal, hai uns meses Manolo faleceu causándonos a todos un fondo pesar. O persoal e alumnos das Escolas Da Guarda quixeron renderlle unha homenaxe de agradecemento e lembranza á que nós tamén quixemos facer a nosa aportación.
Este xoves 5 de maio, a partir das 19.30 horas, no Centro Cultural Ágora da Coruña, haberá un acto-homenaxe en memoria de Manuel Naveira, no que tocaremos, bailaremos e nomearemos a Manolo socio de honra da A.C. Son d’aquí. O noso primeiro e ben merecido socio de honra.
Vai por ti, Manolo!!!